A vida pasa(se)

Data de publicación: 11 de Xullo de 2008
Categoría: blogMillo, intres, rede |

Ás veces un sente gañas de se materializar en varias habitáculas do blogomillo. Quero pensar que un comentario atinado pode ser algo así como un abrazo, que unha chamada de móbil oportuna pode ser unha raiola de sol. Pero un abrazo é realmente o que lle entran gañas a un de dar, e non toques a unhas teclas.

Abrazo inmenso para todas e todos vós.

Outro verán…

Data de publicación: 6 de Xullo de 2008
Categoría: festa, lugares, musica, raices |

fuxindo das masas.

Lograrémolo?

Poden apostar.

De Grouchos e Harpos

Data de publicación: 24 de Xuño de 2008
Categoría: atlantico, blogMillo, causas, contos, ecoloxia, economia, lingua, lugares, poesia, politica, raices, rede, ultramarinos |

Hai que parabenizar aos responsábeis de Xerais por fuxir do ambiente capitalino para a presentación do novo libro de Manuel O’Rivas: ‘Os Grouchos’. Santa Comba foi unha elección frutuosa e atinada, como o propio Manuel Bragado recoñeceu na súa introdución. Alén das virtudes terapéuticas da estancia de pensión completa nunha vila coma esta, facilitadas pola boa acollida e mellor facer do equipo da libraría Ler, a decisión ten, coido, bastante máis transcendencia.

Na situación actual da nosa lingua e da nosa literatura, tamén en termos de mercado, comezan a ser cruciais para o futuro estes círculos externos da cultura galega ‘oficial’, a periferia cultural deste país que segue a reunir a máis da metade da nosa poboación.

Nun escenario de cidades castelanizadas até o paroxismo voltar os ollos cara esta outra realidade é inevitábel. Máis é isto unha aposta estratéxica ou unha fuxidía rendición? É unha ilusión pasaxeira? O ideal sería, con efecto, ler máis, e ter máis lectores, dominar máis linguas. Mais cada vez temos menos tempo, e os tempos en que o saber e o ler eran sinónimo de máis oportunidades de progreso na vida fican para a Historia.

Si, non se enganan. Estou a facer un paralelismo intencionado coa dirección ou deriva ideolóxica, segundo se considere, que está a experimentar o nacionalismo galego, acantonado nos últimos tempos nas vilas do País. Non quixera un que os vínculos entre ideoloxía e lingua fosen tan íntimos e estreitos, mais despois de anos de dura batalla silenciosa e inadvertida teño pra min que esta identidade é cada vez máis forte.

Mentres matino nisto non deixa de virme á cabeza a imaxe dunha muller que sentou ao meu lado durante a presentación. Ao entrarmos na libraría mercou dous libros do Rivas. Pediunos expresamente en castelán.

***

A primeira visión do Rivas non foi del, senón da súa maleta. Ou sexa del. Aí debe levar o seu mundo, a modo de feliz apéndice, pasado o tempo dos paraugas. Ou non? Unha maleta, que non unha mala, rectangular como un caixón de carpinteiro, de cor entre acastañada e encarnada, como se fose unha simbiose harmoniosa de coiro e madeira. O home mimetizado coa natureza.

***

‘Grouchos’ é o título dos artigos que Manolo Rivas leva publicados na edición galega de El País desde o seu lanzamento. Estamos diante, por tanto, dun libro cuxos artigos (excepto dous, o primeiro e o último) xa foron publicados en papel. Pero é que ademais están publicados aínda en internet. Podes dar con eles procurando ‘grouchos’ no buscador de ElPais.es.

Fixo referencia Bragado a unha antoloxía poética de Rivas publicada por Espiral Maior, titulada ‘Do descoñecido ao descoñecido, obra poética (1980-2003)’. Este sería para min un libro duplicado (con ‘O Pobo da Noite’) de non ser porque o meu pai deumo cunha dedicatoria gráfica do autor: ‘Contra a indeferencia vai / vive / río arriba / vai’.

Os Grouchos son unha boa e recente escolma do Rivas xornalista, cronista e activista. Mais é un outro libro duplicado. Quizá ‘Galicia, o bonsai atlántico’ ou ‘Galicia, Galicia’, non o eran no seu tempo. Mais este si, éo en boa medida. A diferenza márcaa o momento histórico da rede, de internet. Os Grouchos están aí, a tiro de 50 clics e un copiar e colar. Iso fai deste libro unha obra de arte xenerosamente agasallada por Rivas aos editores galegos para a súa comercialización.

Este presente é unha boa mostra da situación de pobreza da nosa literatura. Unha realidade que a maioría do ’sistema’ prefire agochar baixo os discursos do optimismo necesario e outras grandes elipses. Eu prefiro saber. Non me gusta que me venden os ollos, nin vendarllos aos máis. É precisamente o sermos conscientes da situación que queremos deixar, é xusto o termos esa referencia mentres bogamos cara a outro sitio, o que nos alimenta e nos dá forzas, transformando o noso nervo en azos.

Velaí a nosa Mohicanía.

***

Comeza o libro O’Rivas aclarando que un groucho é un chato, e que ir de grouchos é ir de viños ou de taças.

A idea cobra sentido se un repara nun dos ‘grouchos’, sen dúbida ningunha o mellor artigo de opinión publicado en 2008 neste País.

Moitos dos que coidamos en 2005 que a clave da rexeneración democrática de Galiza está no entendemento entre PSOE e BNG, cando non na conxugación de ambos nun proxecto común, tamén lles recomendaríamos que foran tomar uns viños xuntos de cando en vez.

***

Ouvilo falar das pingas de orballo nas árbores, velo andar nun lento comezo polos carreiros de Soneira, vagar logo polo Cemiterio dos Ingleses, perderse no seu interior acompañado dos 300 corvos do Xallas, e despois, xusto cando menos o espera un, enxergalo na liña do horizonte, manifestándose polos Penedos de Traba, tirando da maleta debuxos que son toda unha cosmovisión, sentilo, dicía, é o máis parecido a escoitar música.

Non sei se Rivas ten no armario aquela camisola de A Vaca Láctea que proclama ‘Eu tamén sou marxista’, pero el ben podería ser Harpo a contar sen falar, a tocar a súa harpa.

E, de cando en vez, cando a ocasión o merece, a pegar un bucinazo ou dous de atención. Como os barcos no medio da noite e da brétema, procurando unha referencia.

Chaplin non estaba por alí, pero sorrí.

***

A muller do Rivas en castelán preguntoume con fermoso acento xalleiro quen viña sendo Xosé Manuel Pereiro. Expliqueille que era o ‘editor’ do primeiro libro de Rivas e o presidente/director/xefe dos xornalistas colexiados. Da Coruña? inquiriu ela. Non, de Galiza toda. Ah.

Pereiro fixo unha presentación magnífica de Rivas, insuperable. Un sente envexa de Rivas por contar a un tipo como Pereiro entre os seus amigos.

Que llo pregunten senón a Antonio Gala.

***

Debo recoñecer que o Manolo Rivas do que máis gosto é o que anda nas marxes, nas estremas. Ou na poesía ou no xornalismo. Ese territorio, non sei se de encontro ou de confronto, que explora con habelencia, como é o do romance, non aparece tan fértil aos meus ollos. É un terreo difícil. Hai probablemente en Rivas un intento de síntese case vital entre esas dúas dimensións.

Coido que é na súa persoa e non na súa obra novelística onde logran a comuñón. En ‘Os libros arden mal’ o queixo non acabou de callar, malia todo o amor e o empeño que puxo na tarefa a leiteira de Veermer. Pola contra, soubéronme máis  ‘En salvaxe compaña’ e quizá ‘O lápis do carpinteiro’.

Non fagan moito caso do que digo. Sou un descontente contente.

Mais espero del e non doutros o grande romance da literatura galega. Ou varios.

***

No tema de Europa eu sou un contente descontente. Por iso votei en branco no referendo da Constitución europea. Quer dicir, eu quero outra Europa, non aquela (menos esta) pero quero unha Europa.

É máis. No coloquio de onte atrevinme a expoñer unha reflexión que ten a ver con esa Europa soñada. Fixéraa xa hai un par de anos nunha visita aos escritorios da Comisión Europea en Bruxelas, no seo dunha delegación de xentes da cultura e da tecnoloxía convidada polo BNG. Claraflor tivo a ben cualificar daquela o meu discurso como humanista. Eu o que pretendía transmitirlle a aqueles tecnócratas e a estes literatos era que Galiza e Europa precisamos sermos máis auténticos. No sentido seguinte:

Galiza, a súa lingua e a súa literatura, a súa xente, precisa un modelo e unha estratexia para ser. O modelo non pode ser a transposición mimética, pasiva e interesada, do modelo que, por aquilo de non empregar o vocábulo estadounidenseamericano, denominarei simplemente americano. Un modelo baseado na mercantilización, no valor de cambio e non no valor de uso, sustentado na apropiación ilexítima de todo o que é propriedade pública, colectiva, partillada. O modelo do copyright. O modelo dos Estados-nación. O modelo galego e europeo, o modelo dun mundo mellor, ten que ser o modelo das redes. Un modelo social, da cidadania, do ecoloxismo e da diversidade, tamén nas linguas e nas letras.

Sen ningún ánimo eurocéntrico (que o Brasil e Cabo Verde me vallan!), e recoñecendo que os europeos tamén somos expertos en fornecer ao mundo da munición máis variada, se algo achegou Europa á Historia da Humanidade que a distingue do modelo americano é a difusión do coñecemeto e das ideas. Desde Platón a Gutemberg, desde a Ilustración até aos nosos días. O modelo cultural galego ten que pasar por recuperar o que de auténtico hai no modelo europeo. O noso modelo non pode basearse nese proteccionismo francés que timoratamente van calcando os gurús da cultura oficial española. O modelo galego non pode ser recrear unha cultura academicista dirixida por unhas elites ancoradas certamente noutro tempo histórico, en que a cultura e o coñecemento era cousa dun poucos. Non podemos aspirar como modelo a ter unha sociedade ‘nacional’ de dereitos de autor.

Implica este modelo de partillamento do saber que a propor que todo sexa gratuíto? Que non haxa outros modelos? Non necesariamente, é claro. Acredito nos dereitos de autor e nas patentes (non todas, ben usadas). Acredito nas diversas formas de licenzas de uso como expoñentes de modelos diferentes en convivencia. Todas son formas lexítimas de gañarse a vida. O modelo de cada creador ten de ser libremente elixido, e por tanto o modelo colectivo ten de ser mixto, mestizo. Mais é intolerábel que se nos impoña por lei o modelo americano, especialmente cando non estamos a falar de obxectos tanxíbeis, senón tamén e sobre todo de ideas, de coñecemento e de educación. E o que é máis importante. O modelo dunha cultura minorizada e minoritaria non pode xogar coas mesmas regras das principais culturas fagocitadoras.

O modelo americano/español non nos serve. Mais… sería válido un modelo libremente elixido , e non imposto, con algunhas características de partillamento colectivo e interese social, suficiente para impulsar a lingua e a literatura galegas no futuro? Eu acho que non. Aquí é onde vexo necesario, ademais, que a pequena Galiza aposte por outras estratexias complementarias. A gratuidade é unha delas. A dixitalización é outra. A discriminación positiva de prezos dun libro que se vende en galego e castelán podía ser outra máis. Abrir a nosa idustria cultural a outros mercados (xeograficamente pero sobre todo beneficiando outros mercados para poder facer de mecenas neste) é unha opción adicional. Vou ir calando a boca para non acabar falando do reintegracionismo.

Contemplar o mundo que se aveciña con optimismo. Converter o inevitábel en oportunidade. Asumir riscos ben calculados. Saír da Cuncha. Converxer no local-global. Sermos nós cun proxecto de transformación para nós e para todo o mundo.

Así o vexo eu.

L.A. (Brión) e outros lugares

Data de publicación: 17 de Xuño de 2008
Categoría: atlantico, blogoPonTe, contos, lingua, lugares, raices |

Traballo estes días artellando unha base de datos descomunal con información de ámbito municipal e inframunicipal sobre Galiza. Reposto da primeira impresión, ao comprobar que os rexistros oficiais seguen conservando topónimos deturpados (”J”, “Y”, “La”, “El”) ou sen normalizar nunha manchea de concellos (algún deles gobernado polo nacionalismo), e recuperado tamén da segunda impresión, ao verificar o número de asentamentos con menos de 3 habitantes que están a un tris de sumir, superado o transo, dicía, quería partillar con vós algún dos nomes de lugar que fun achando e que máis me fixeron matinar:

Os Ánxeles

Os Anxiles. Coido que con esta palabra grave debería denominarse en rigor o lugar do concello de Brión coñecido como Os Ánxeles, situado ao pe dos Montes homónimos,nunha zona onde se cruzan varias augas ou vertentes (ben coñecido por ser un dos novos lugares de asentamento da periferia compostelana). Teño a intuición de que “Os Ánxeles” é un topónimo cunha evolución que nun momento determinado debeu experimentar unha confusión de termos por unha fonética semellante. De non ser así sería Os Anxos, non si?

Como xurdiu a teoría? Non moi lonxe deste lugar, no paso natural que hai no concello de Ames entre o val de Amaía e a cunca do Tambre (Támara), no territorio que se domina desde as Torres de Altamira, na mesma estrada que vai de Bertamiráns a Negreira, podemos cruzar Portanxil (Porto+Anxil). No mesmo concello de Brión temos un outro lugar chamado O Enxo, localizado xusto na parte superior do val de Amaía, onde o monte vai suavizando pendentes e o espazo se “anchea”. Non podo evitar un certo paralelismo na descrición xeográfica con O Eixo do veciño concello de Santiago de Compostela. E hai quen sostén que Rianxo pode estar relacionado con este significado.

Síntoo polos que gostan de dicir que viven en L.A. como se foran “angelinos”.

Gustaríame confirmar esta hipótese tan pouco científica rastrexando os documentos parroquiais, mais tratándose de anxos prefiro non contrastar pareceres co crego. Sospeito o que me diría.

Español

Galiza territorio de acollida, crisol vizoso de pobos ao longo da Historia. Os asentamentos humanos no noso territorio ían “por parroquias”. Así temos un Español, lugar da parroquia de San Cibrán de Lá(n)s (castro de Lansbricae), no concello de San(to) Amaro. Tamén temos Astureses, Galegos, Suevos, Céltigos… Hai moitos outros topónimos xentilicios : Sarreaus, Miñoteira…

Mais non hai “Portugueses” na Galiza. Curioso. E serán eles os calaicos? Será que a historia de Portugal como pobo é recente de máis?

O que si achamos na nosa toponimia son dous Portugalete, en Carballedo e Muros, e un Portugal (!), na parroquia de San Martiño de Oca, no concello de Coristanco.

Erótica

O retrouso erótico da toponimia do País:

Sexo (seixo ou sello?), parroquia do concello de Agolada (Aqua latam, auga levada, cal ou canle).

Follente, lugar da freguesía de Santa María de Mantaras, no concello de Irixoa (igrexola).

Vilapene, lugar da parroquia de Santo André de Chamoso, no concello do Corgo.

Bragadela, lugar  da freguesía de Santa Uxía de Mougás, no concello de Oia.

Do alén e máis alá

Para os que achan o uso da palabra Alén unha teima dos nacionalistas ou dos lusistas: Hai moitos Vilalén e Alende espallados polo País. Alemparte é unha parroquia do concello de Lalín que inspirou a Gonzalo Torrente Ballester para baptizar como Alemcastre un dos seus personaxes de romance.

Outro sitio con resonáncias literarias é Extramundi, que empregou Camilo José Cela para lle dar nome a uns cadernos. E por suposto tamén hai que mencionar o Fortunato de Trasmundi, de Darío Xohán Cabana.

O cha-cha-chá da normativa

Sen andar moito podemos encontrar topónimos da mesma raíz transcritos de diferente xeito. Acontece así con Chares e Xar, do concello de Lalín, o río Sar, que dá nome a unha comarca enteira, e o río Xares (”Jares”) da montaña ourensán onde se explota un dos máis grandes encoros galegos para a produción hidroeléctrica.

Perante fenómenos coma este un non pode senón declararse fondamente reintegracionista .Sen prexuízo dos xeitos e das fonéticas de cada lugar a grafía debía ser senón igual si cando menos moito máis semellante. Un criterio máis claro, con máis sentidiño na escrita facilitaría moito máis a comprensión do significado dos topónimos, e fomenta xa que logo unha maior consciencia do valor da nosa lingua.

Hai moitos outros exemplos. As alternancias vocálicas e as vacilacións fonéticas non son explicadas pola normativa e a gramática oficiais, teñen producido un pozo sen fondo de palabras soltas aparentemente caprichosas cuxo sentido, orixe ou significado aparece agochado tras os signos. Todo o contrario do que debería ser, e todo por aproximar a fonética xenuinamente galega á do castelán.

Évos o mesmo fenómeno que algúns e algunhas aínda andan a debater como se fora o sexo dos anxos (vid. sup.): a conxunción “e” lese como un”e” castelán ou como un “i” castelán? Nin unha nin outra. Escríbese e lese como un “e” galego, portugués e brasileiro. Máis nada.

In vino veritas

A calquera persoa que atenda aos indicadores da estrada que bordea a estrema norte da Ría de Ferrol há de lle chamar poderosamente a atención dar cun lugar chamado Viñas, moi perto de onde se está a construír o Porto Exterior e ao mesmo tempo onde se está a destruír a foz máis fermosa do noso litoral. Desde cando hai ou houbo viño na Ría de Ferrol? Non será un erro?

Non hai erro posíbel. No libro Historia de Ferrol podemos ler como a orixe deste topónimo está ligada á doutros nomes que hai pola zona, como son Prior e Prioriño. Foron os monxes que ergueron o primeiro mosteiro da zona os que, como noutras partes de Galiza, introduciron o cultivo da vide para o seu propio consumo. Boa vida levaban.

Aínda que se xa no hai viño alí… por algo será, non achan?

Unha casa na Toscaña

Un lar, un veciño, un fogo. Dous habitantes en total. Iso é o que hai na Toscaña, un lugar do concello de Maside.

Por desgraza Galiza non ten nada que envexar á Italia se falamos de países envellecidos e de mediterraneización do clima.

Rachabordos

Na parroquia de Santa Eulalia (Olaia) de Limodre, nun recanto da costa que se debruza sobre a Ría de Ares, hai un lugar así chamado. Vaia arroutada. Que nome máis rachador. A quen se lle ocorrería?

As chuvias torrenciais dun destes últimos anos revelou plenamente o sentido do topónimo. Unha parte do cantil da ribeira, situado unha ducia de metros sobre o nivel do mar, foi derrubarse como consecuencia da humidade e a febleza do terreo. Pedras, terróns e herba apareceron de mañá amoreadas derriba da area, mentres unha calva espléndida lucía no terraplén.

Con efecto, iso mesmo debeu ter acontecido no pasado, se callar en varias ocasións. A saber se alguén deixou a vida nos bordos ou na ribeira.

Xuntanza de blogueiros-as en Agolada

Data de publicación: 30 de Maio de 2008
Categoría: blogMillo, blogorrolo, festa, lugares, rede |

xuntanza_blogues_agolada


Por aló andarei, aínda que non poida ficar toda a xornada.
Sabede que non vos imos envexar nadiña.
Máis info.

España desfaise

Data de publicación: 27 de Maio de 2008
Categoría: denuncia, musica |

Vía

For many years several galician PC users like me we’ve been following the various attempts of the galician localization community on translating Mozilla products into our native language. In this effort there were at least five persons and one institution who tried unsuccessfully to obtain an answer from the Mozilla Foundation, and because of this silence no one could take over her/his shoulders the coordination responsability on this project.

Today I sadly find a new -not in Mozilla sites nor in distribution lists, but in media- where Mozilla Europe co-founder clearly affirms that if there are not official galician translations for Firefox/Thunderbird/Seamonkey it’s galician translators’ fault. That way this person blames out on the boogie, ignores the existing finished mancomun.org localizations and and leave us without the recognition of the international community. And what it’s worst, a lot of users simply can’t easily find Mozilla apps in their language.

Searching for the reasons that explain this situation I found this thread at Bugzilla, and I think it explains what happened and how we’ve arrived here. It’s dated one year ago. Let me reproduce it:

1. ONLY Mancomun.org is actually doing the Mozilla products translation into Galician.

2. There is no Galician team formed officially and this is NOW Mozilla fault, ONLY MOZILLA FAULT.

3. Not a single person will oppose to Mancomun.org liderating the Galician team for Firefox or any other Mozilla product.This includes me, Miguel Blanco, and the other people who, UNSUCCESFULLY have tried to officially coordinate the group.

4. Every single bug like this, asking for the same, MUST BE CLOSED and MOZILLA HAS TO ACCEPT THE PERSON WHO IN NAME OF MANCOMUN.ORG IS DECIDED TO ASSUME THE COORDINATION.

5. Javier Rial Rodriguez, IN THE NAME OF MANCOMUN.ORG, HAVE ASKED TO ASSUME THE TRANSLATION COORDINATION AND HIS PETITION MUST BE ACCEPTED.

Finally, I just hope I had been clear enough. It’s a shame that a serious foundation like Mozilla is behaving like this in a very serious case. Mozilla foundation is actively denying to Galician Speakers the possibility to have its products in its language when there is people determined to do so. The Galician population is about 2 millions and a half, of whom about 95% understand the language, and, and furthermore, constitutes an active and technologically advanced comunitty. This denial suppose a big lose for Mozilla itself and for the future of the Galician language which is deprived of a fundamental piece of technology. Try to explain this to your developers, those who work for no money, why this software cannot reach some people in the language they speak and then try to explain to Galician people why the cannot have officially Firefox in their language.

It seems obvious that Mozilla foundation has a lot to change in respect to localization and it should take good note of other successful localization projects.

Fortunately, technicians and politicians are responding quickly, just now, to this unfair comments from Tristan Nitot. Let’s wait for an easy answer from Mozilla Foundation, hoping it would be the best decision for everybody.

Obertura, de Antón Baamonde

Data de publicación: 16 de Maio de 2008
Categoría: causas, denuncia, lingua, politica |

‘Pois iso’, titúlase. E como sintetiza claramente o meu pensamento de hai anos sobre a cuestión, permítome adiantarme a Tempos Dixital, que aínda non o publicou (non sei se a sección Obertura se vai verter ou non na edición dixital), e reproducilo aquí antes da data sinalada de mañá:

POIS ISO

Non é fácil decidir o alcance das principais institucións da cultura galega. Sucede que existe un Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades. Tamén existe o Instituto da Lingua Galega que parece duplicar algunhas funcións do Centro Ramón Piñeiro -ou viceversa, considerando a orde de prelación-. Ademais, contamos coa Real Academia Galega, de venerable e digresiva historia, tan eficaz nas elipses, e co Consello da Cultura Galega, de funcións consultivas -aínda que é difícil pensar que Fraga ou Touriño consultaran nada-. Son entidades de paso lento e pesado. A estas institucións poderían sumarse outras, como o Padre Sarmiento, herdeiro do Seminario de Estudos Galegos e hoxe dependente do CSIC. E veremos as que nacerán ao calor da Cidade da Cultura.

Son institucións que se deslizan pola superficie do país sen apenas causar fricción, como coches dos que as rodas xiran no baleiro e que non conducen a ningunha parte. Parece como se cultivaran unha especie de solipsismo, que xa quixera para si Don Vicente Risco na época en que escribiu “Nós, os inadaptados”.

Padecen unha enfermidade usual no galeguismo: a de conformarse con constituír un universo á parte, ensimesmado, que abandona toda vontade de inserción eficaz na sociedade. Se han de ser recuperadas para os seus fins estas institucións necesitan ser áxiles, racionalizar os seus medios, especificar a súa función e non volver a usar xamais a palabra “persoeiro”. O enteiro mapa das institucións culturais debería ser reformado. Un amigo retrucaba hai anos ao verso de Novoneira “A forza do noso amor non pode ser inútil” así: “Tanta inutilidade non pode ser amor”. Pois iso.

Antón BAAMONDE. Tempos Novos nº 132, páx. 3

[O destaque é meu, trocaría só ‘inserción’ por ‘transformación’] Parece claro que a reestruturación/ordenación/unificación que reclama Baamonde non vai partir de ningunha das institucións nomeadas, así que é evidente que a tarefa sitúase na órbita da esfera política, dos políticos que nos gobernan. Trátase dunha simple cuestión de valentía e de ‘normal facer’, cualidades ambas que -á vista está- escasean por uquer.

Galería de patriotas galegos

Data de publicación: 13 de Maio de 2008
Categoría: lingua, lugares, rede |

niki_laudaraul_castronatalia_oreiro
emilio_estevezmiguel_cervantesalfonso_ribeiro

E se saben de máis non o dubiden e deixen un comentario ;-)

O Peirao de Nouvel en Vigo

Data de publicación: 9 de Maio de 2008
Categoría: atlantico, blogMillo, economia, lugares, portos |

peirao_nouvel_vigo_8

Vía Twitter entérome polo Curioso Impertinente, alias Mirinho, dunha presentación en formato M$ PowerPoint que polo visto anda circulando polas caixas de correo dos vigueses a modo non sei se de publicidade institucional, de marketing viral ou de ambas as dúas cousas. O seu contido alterna comentarios e infografías. O texto reprodúzoo traducido a seguir. As imaxes son as que ilustran esta anotación. Descúlpenme que non lles atribúa autoría, pois é descoñecida.

O Vigo do Século XXI

Vigo anóvase cun proxecto atrevido, presentado polo arquitecto francés Jean Nouvel.

O proxecto chámase Peirao XXI e consta de multitude de espazos públicos, museos e centros para institucións.

O grande emblema do proxecto para a parte central do novo porto da cidade será un edificio de 90 metros de altura en forma de menhir celta, localizado na punta do novo peirao de transatlánticos, que aloxará un hotel e un restaurante panorámico sobre a ría de Vigo.

O edificio en forma de menhir, no que predominará o uso do granito, será comparábel a outros grandes proxectos de Jean Nouvel, como a Torre Agbar de Barcelona. Polo día parecerá unha rocha. E pola noite iluminarase, dando a Vigo unha nova liña do ceo.

peirao_nouvel_vigo_1

peirao_nouvel_vigo_2

O chamado “Xardín das marés” será un paseo que chega aos pés do hotel. Trátase dun xogo de terrazas a distinta altura que se inundará en parte coa preamar.

peirao_nouvel_vigo_3

O novo peirao de cruiceros alíñase en dirección ao Monte da Guía, cun perfil de gran variedade de formas, para albergar unha área residencial/institucional, piscina, centro de talasoterapia, museo e hotel, e aínda a estación marítima, que se mantén. Os edificios de distintos volumes e alturas, terán espazos abertos para facilitar a visibilidade do mar. O museo está dividido por unha gran falla pola que penetra o mar.

peirao_nouvel_vigo_7

O peirao estará iluminado en vermello e verde, e materáse de cor encarnada intensa cando haxa cruceiros atracados. O menhir tamén xogará coas cores: turquesa coa maré baixa; azul vivo cando suba.

peirao_nouvel_vigo_6

peirao_nouvel_vigo_5

Outro dos sinais de identidade da proposta é a construción dunha pasarela-miradoiro denominada “A escuadra de aceiro”, unha gran viga de 130 metros de longo que suporá unha prolongación da rúa Colón cara ao mar até conectar coa ampliación do peirao de cruceiros á altura do “Xardín das marés”. A súa base estará formada por un edificio en forma de cubo que aloxará a sé do futuro porto deportivo -que ofrecerá 1.649 novos amarres-, con un heliporto na cuberta.

Á pasarela-miradoiro chégase a través dun peirao urbano, tamén en granito, con varias edificacións a distinta altura que o autor denomina “Código de barras”. Alí haberá zonas deportivas, comercios, bares e restaurantes. A “Operación centro” deseñada por Nouvel tamén anova o espazo traseiro da sé actual do Náutico, que aloxará unha praza cuberta para exposicións, concertos e cinema. A pasarela sobre o centro A Laxe, denominada “A ponte dos libreiros”, quedaría conectada á estación marítima. O arquitecto francés tambén deseñou, entre as lonxas do Berbés e A Laxe, o quechama “bolsa de peixe”, con venda de produtos na planta baixa e degustación na primeira. O paseo de Montero Ríos amplíase, cambiando a alineación co mar, e se prolonga mediante un xardín cunha fonte alongada, até conectar co peirao transversal. Nese contorno Nouvel previu un parque recreativo.

peirao_nouvel_vigo_4

Benvidos ao Vigo do Século XXI

Vá por diante que non coñezo Vigo apenas. Moi pouquiño, case máis de vista panorámica desde as autoestradas e de ver mapas que de andar por el. Así que espero saiban entender que todo o que vou dicir está baseado en impresións dun visitante ocasional con aspiracións perennes a exprimir máis esta a nosa máis grande cidade.

Postos a rechear a Ría de Vigo é mellor isto que Bouzas. Onde vai. O que a xente de Vigo tiña que razonar era o por qué determinado tipo de recheos van primeiro e por que logo se planean e plantexan estes outros.

Paréceme que se este proxecto se chega a completar melloraríase substancialmente a fachada marítima de Vigo dunha perspectiva puramente arquitectónica e urbanística. Imprímeselle orde a todo ese ronsel caótico de peiraos e diques que quebran a liña de costa, dando continuidade á aliñación do perfil da ribeira do Castro co monte da Guía e creando unha perspectiva e unha liña de fuga cara ao fondo da Ría.

Dá a impresión, despois da lectura dos comentarios e da contemplación das infografías, de que toda a actuación está moi cargada de usos comerciais e empresariais, que sempre é o argumento irrefutábel que permite soñar con estas cousas e financialas. Por moito que o texto poña o acento nada máis comezar nos usos museísticos e institucionais é evidente que o máis importante no conxunto é todo o que producirá -previsibelmente- beneficio para a Autoridade Portuaria e os seus amigos.

É inevitábel comparar este proxecto de Peirao de Nouvel co outro Peirao de Nouvel, o que presentou ao concurso da cidade da Coruña hai xa uns 8 anos. Este é moito máis ambicioso, dado que non se trata da construción dun edificio senón da ordenación de toda unha zona marítimo-terrestre, que contempla á súa vez a construción de varios edificios, aínda que só un sexa o rechamante.

Paréceme que o proxecto da Coruña conectaba moito máis coa cidade que estoutro, o cal nos leva inevitabelmente a pensar en cal é o concepto de Vigo que ten cada un. O meu, como xa dixen é limitado, así que só podo falar do que manifestaban os vigueses en algunhas enquisas de opinión nas que traballei. Vigo é a súa Ría, o seu símbolo son as Cíes e a súa cor a celeste -apesar de as cores instititucionais seren o vermello e o branco. Dá que pensar. Que hai do Vigo terradentro?

Este proxecto de Nouvel para Vigo, non sei se con coñecemento de causa ou sen ela, é máis independente da cidade que aqueloutro da Coruña. Non só se desenvolve na Ría senón que conecta con ela, quizá porque tamén é o cerne verdadeiro da cidade na mente de Nouvel. A clave está en se o proxecto gusta ou non na cidadanía, na súa dimensión urbana e humana. Se atrae axudará a elevar o concepto da cidade dentro e fóra dos seus límites. Así é a historia de Vigo.

Quizá a zona recreativa e verde da ribeira sexa o máis sinxelo e á vez o máis interesante de cara á poboación, sobre todo para a que reside nas proximidades. Un espazo para o desfrute de todos os públicos. O repto e o suceso do proxecto radica nos espazos exteriores, orientados inequivocamente a outro tipo de públicos. A continuidade de Colón coa escadra non a vexo moi clara e os usos culturais e turísticos van depender moito das programacións e da conxuntura económica -sempre o financiamento. Darlle continuidade á intervención desde a cidade por riba da lámina de auga é fundamental para permeabilizar todo o construto, pero os usos e os atractivos que haxa no traxecto -mesmo no casco vello- van determinar o éxito do conxunto.

Imaxino que o trinomio pedra-luz-auga terá que ser manexado con moita habelencia, pero confío no bo facer de Nouvel. Se alguén pode e sabe facelo, é el. A escolla da cor encarnada é un misterio que de entrada choca. O único que teño claro é que acabará predominando o verde sobre o granito. É a lei do Atlántico.

O do menhir-hotel, esa idea, o tótem, paréceme xenial. A feitura háse ver. Non me preocupa a altura o máis mínimo, e si a que teñen Toralla ou varios edificios da fachada marítima ben coñecidos polos vigueses. Inquiétame o encaixe da figura do menhir coas perspectivas que non aparecen nas imaxes: os peiraos vellos, as zonas industriais, os cortes a machado da autoestrada na fronte, no Morrazo… Pregúntome se non haberá que facer unha actuación complementaria lumínica en Rande.

O resto de edificios haberá que analizalos desde dentro, a súa fasquía externa non desentoa aparentemente co conxunto. Soa máis a que o que está fóra de lugar é a Estación Marítima, que quizá Nouvel pretende disimular con esa cobertura que se anuncia.

Non sei canto ten isto de operación especulativa, nin canto de brinde ao Sol de Caballero. Pero se deixan que Nouvel o leve a cabo por fin Vigo comezará a ser a Barcelona do Atlántico, alomenos neste sentido.


 No blogomillo...